miércoles, 10 de septiembre de 2014

Lidia Senra oporase á designación de Arias Cañete como Comisario Europeo.

Amplamente criticado polos seus posicionamentos neoliberais e actitude machista, Lidia Senra denuncia a total improcedencia de Cañete para ocupar un cargo na Comisión Europea. AGEe oporase a esta elección na votación de ratificación que terá lugar na Eurocámara.
Bruxelas, 10 de setembro de 2014-. Ben coñecido na Galiza e no Estado español polas políticas neoliberais impostas no seu paso polo Ministerio de Agricultura, a labrega e eurodiputada Lidia Senra alerta das “negativas consecuencias” que a elección de Arias Cañete suporá á hora de facer fronte dende as institucións europeas a “problemas fundamentais da sociedade europea, e que ademais teñen grande repercusión en nacións con alto compoñente produtivo como a galega, como son o cambio climático ou as estratexias de renovación de modelo enerxético esixidas con urxencia no actual marco de sobrepasamento do denominado “pico do petróleo””.
Neste sentido, Senra lembra que Cañete xa tivo a posibilidade de tomar medidas para combater a crise enerxética cando ocupaba o cargo de Ministro de Agricultura, “pero sen embargo rexeitou totalmente opcións como a de avogar por unha agricultura enmarcada na soberanía alimentaria en base á produción agroecolóxica, que tería contribuído moi significativamente a paliar o “efecto invernadoiro”, xa que precisamente o transporte de mercadorías e a industria enerxética son neste momento os principais xeradores de emisións de dióxido de carbono. Con este precedente, temos claro que a súa xestión como Comisario de Clima e Enerxía abócanos a políticas que danarán inda máis o medio ambiente”.
Por outra banda, mención aparte merece a actitude publicamente machista do popular Arias Cañete. “É totalmente intolerábel que un machista declarado como Cañete ocupe ningún tipo de cargo público”-aseverou Lidia Senra-. ” Non podemos permitir que un machista exacerbado como Cañete sexa inda por riba premiado ca súa participación nun órgano de goberno ao máis alto nivel como é a Comisión Europea, que ten tamén entre os seus cometidos a elaboración de políticas de igualdade.  Que Cañete poda ter participación nunha institución que ten o deber de traballar pola promoción dos dereitos das mulleres  é dunha hipocrisía e cinismo insultante.”
Diante das dúbidas manifestadas polo propio presidente da Comisión Europea, o conservador luxemburgués, Jean-Claude Juncker, ao respecto do posíbel rexeitamento que terá a súa decisión de elevar a Cañete á Comisión Europea, Senra aclara con contundencia: “Dende AGE Europa ímonos opoñer en tódolos foros e espazos posíbeis, sexan votacións, debates, pronunciamentos… Por suposto tamén na votación de ratificación que terá lugar na Eurocámara, e en absolutamente tódolos ámbitos onde teñamos presenza.”
Fuente: lidiasenra.com

No hay comentarios: